O burro

O burro non bulía nin chisco; tiña os ollos abertos, enfiados no chan, e polas trazas o burro cavilaba de firme, asolagado nas súas cavilacións. Eu enfiéi os meus ollos no burro e tamén me puxen a cavilar, esquecido de mín mesmo; ensumíndome nos adentros da besta, e sen facerme cargo, os meus pensamentos eran os do burro.

O homes non queren ser burros; quixeran en troques seren leóns, tigres, lobos..., xustamente porque os homes son maís burros que leóns, que tigres, que lobos...por iso a verba "burro" é un alcume aldraxante para eles.
O meu lombo rexe con calquera home e secomasí os homes prefiren un cabalo, un elefante...calquera besta máis grande que eles, de modo que ningúen poida decir: "velahí van dous". Non nos aprecian, porque ollan en nós as virtudes dos homes de ben.
Somos amigos dos probes, amparo dos mendicantes; temos levado no lombo a Noso Señor e San Francisco de Asís; pero non levamos ningún guerreiro.
A paz virá cando os homes todos queiran ser burros.
Chegaron a negarnos caletre porque andabamos pola veira dos camiños. Parvos! Un burro pode morrer asesinado por un auto; pero un burro non cai debaixo dun auto, como caen os cans e as galiñas...Nós presentíamola chegada dos autos denantes de inventalos o demo do inferno.

Niste punto volvín en mín.

Castelao. Cousas

Comentarios

Además